1. OBXECTIVOS
Coa creación dos premios, EGANET tenta estimular o labor de creación dos empresarios e profesionais que, sentíndose comprometidos coa expansión da Sociedade da Información en Galicia, deseñan, programan e desenvolven productos e servicios que teñen en internet e as novas tecnoloxías da información a súa razón de ser.

2. REQUISITOS DOS SOLICITANTES
Poderán presentar as súas candidaturas a estes premios empresas, asociacións, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, dando a coñecer a tódolos sectores da sociedade galega os resultado do traballo das empresas galegas neste ámbito.

Cada empresa poderá presentar, o mesmo proxecto, como máximo a tres candidaturas, non habendo límite de presentación de proxectos.

3. CATEGORÍAS
As categorías recollidas son nove, as que se engade o Premio Especial EGANET que a Asociación outorga ao proxecto, entidades ou personalidade galega que dende a última edición, máis se esforce en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribúa a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia. Para este premio non se recibirán candidaturas e será a Asociación quen elixa ao premiado.

 

Premio INICIATIVA. Poden optar as empresas galegas constituídas maioritariamente por menores de 35 anos que desenvolvan un proxecto empresarial con menos de 3 anos, relacionado con Internet e que exerzan a súa actividade en Galicia.

Premio SOFTWARE LIBRE. Premiarase nesta categoría ó uso e a difusión de tecnoloxías de código aberto (como Linux) tanto por parte de empresas privadas como de administracións públicas, considerándose especialmente a contribución de tal uso ás comunidades opensource e galega.

Premio NET-ART. Premiarase á mellor web ou producto interactivo galego na integración de distintos medios (texto, audio, vídeo...), de xeito que creen unha unidade atractiva especialmente coidando a creatividade e deseño da mesma para o usuario, podendo a mesma publicarse na internet ou noutro medio interactivo (CD-ROM, DVD....).
Especialmente  valorarase o concepto do Deseño e Creatividade do producto ou servizo presentado polo candidato.

Premio COMUNICACIÓN-WEB. Neste Premio terán cabidas o portais e páxinas web galegos, corporativas ou empresariais, xenéricos ou sectoriais, buscadores locais ou autonómicos, que non supoñan unha actividade de comercio electrónico. Premiarase a súa utilidade, deseño e as súas funcionalidades de cara ós internautas galegos.
Neste Premio intégranse tamén as webs de medios de Comunicación.

Premio COMUNICACIÓN-WEB INSTITUCIONAL. Premiarase portais e páxinas web de institucións oficiais, asociacións empresariais ou deportivas e entes públicos galegos, valorándose o seu deseño, funcionalidade e utilidade, así como a súa orientación de cara ó cidadán.

Premio á mellor APLICACIÓN ON-LINE. Incluirá as aplicacións e módulos que resulten de utilidade principalmente na empresa que teña como eido de aplicación a Internet, aínda que poida explotarse dende outros ámbitos (Intranets, redes móbiles,etc.). Non é preciso que constitúan productos completos, e valorarase non só a súa utilidade, senón tamén a súa facilidade de uso, así coma a súa innovación no mercado galego.
Tamén terán acollida nesta categoría os desenvolvementos que utilicen dispositivos de mobilidade, pda´s, teléfonos móbiles (non se considerará mobilidade portátiles nin tablepc), que utilicen unha tecnoloxía inalámbrica (bluetooth, 802.11x, irda…)

Premio E-COMERCE. As iniciativas empresariais galegas na Internet premiaranse nesta categoría, con preferencia ás que non empreguen a Internet como un mero sistema de comunicación, e que integren a Rede na súa estructura de negocio no que sería un uso axeitado do comercio electrónico (non necesariamente orientado á venda a usuarios finais).

Premio a MELLOR CAMPAÑA PUBLICITARIA NA REDE. Premiarase  ó mellor uso da publicidade a través da Internet,  valorándose a planificación e a creatividade das campañas creadas por profesionais galegos. Nesta categoría poderán participar tanto axencias de publicidade como anuncian.

Premio TECNOLOXÍA ACCESIBLE. As iniciativas que vaian dirixidas a unhas tecnoloxías accesibles da información e a comunicación nos sistemas informáticos (hardware, software, accesibilidade a páxinas web...) para aqueles que se atopan nunha situación de desventaxa para o acceso aos instrumentos da sociedade da información, como as persoas maiores e as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, sinxela de empregar -deseño para todos- e práctica (útil para calquera) de xeito que sexa atractiva para todos os usuarios, incluso os non iniciados, terán cabida nesta sección.

4. SISTEMA DE VOTACIÓN
O xurado será nomeado pola directiva de EGANET, e estará formado, polo patrocinador, o gañador do ano pasado, no caso de que o desexe e non presente candidatura nesa categoría, socios de EGANET expertos na categoría e que non presenten candidatura dentro desa categoría, e empresas ou asociacións alleas a EGANET expertas na categoría e que non presente candidatura a dito premio.

Unha vez que se realice a votación, farase pública unha lista con tres finalistas por categoría, sendo segredo o gañador de cada categoría que se dará a coñecer na gala de entrega. No caso de que non se puidera determinar o gañador ou os tres finalistas nunha categoría debido a obtención da mesma puntuación entre dúas ou máis candidaturas, o patrocinador desa categoría contará co voto de calidade.

O Xurado resérvase o dereito de declarar deserto un ou varios premios, no caso de non recibir ningunha candidatura ou, recibíndoas, non teñan a calidade suficiente como para ser premiadas.

5. GALARDÓN
O Premiado recibirá un trofeo representativo exclusivo, deseñado por un artista galego e fabricado en Galicia. Non comportan dotación económica, o tratarse de galardóns de honor que distinguen a calidade.

Os premiados poderán facer publicidade do galardón, sempre que se especifique claramente en lugar visible o ano e categoría premiada.

EGANET entregará un logo acreditativo da condición de ganador ou finalista dos Premios EGANET.

6. DOCUMENTACIÓN
Os interesados en presentar unha candidatura aos premios EGANET deberá presentar a seguinte documentación por cada candidatura a que se presente. Toda a documentación debe ser presentada en soporte electrónico.
 
Solicitude na que conste, obrigatoriamente, nome da empresa, CIF, domicilio, número de teléfono, persoa de contacto, dirección de correo electrónico e categoría a que presenta a candidatura. O modelo de solicitude pode atoparse na páxina web www.premioseganet.com.

Memoria explicativa onde se resuma o proxecto e se xustifique que cumpre os requisitos que esixe a categoría. Non debe estenderse máis aló de 500 palabras.

Documentación complementaria que o solicitante considere oportuna para a valoración do seu proxecto.

7. PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS
O prazo de presentación de solicitudes será dende o 15 de febreiro ao 15 de marzo de 2007. A presentación das candidaturas poderá facerse por calquera destas tres vías:

 

WEB:
Cumprimentado o formulario que aparece na web www.premioseganet.com

EMAIL:
Descargando o formulario “.doc” que aparece na web e enviando a dirección de correo candidaturas2007@premioseganet.com

CORREO POSTAL:
EGANET
Edif. Uninova (Recinto Mercagalicia); Vía La Cierva s/n
Polígono Ind. do Tambre. 15890 Santiago de Compostela

 
 

8. ASPECTOS LEGAIS
A organización resérvase o dereito de modificar as bases dos premios, parcial ou totalmente en calquera momento previo aviso.

O feito de presentar a candidatura aos premios, implica a aceptación destas bases na súa totalidade.